Friday 03 de May de 2024

O Concello de Noia investirá máis de 90.000 euros na mellora e ampliación da estrada entre Sueiro e A Ponte San Francisco


Santiago Freire explica que “as obras teñen un prazo de execución corto, mellorarán a seguridade viaria” e que “a nosa idea é que teñan continuidade ata Argote”

O Concello de Noia vén de adxudicar as obras de mellora e ampliación da estrada que une as aldeas de Sueiro e A Ponte de San Francisco, na parroquia de Argalo. Unhas obras que suporán un investimento de máis de 90.000 euros e que contan cun prazo de execución de pouco máis dun mes.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “as obras teñen un prazo de execución moi curto e mellorarán a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns que utilizan esta estrada”. De feito, as obras contemplan a construción de beirarrúas nun dos laterais da vía, polo que mellorará a visibilidade dos peóns. Así mesmo, aumentarase a sección da vía, mellorando a seguridade viaria na contorna. As obras tamén inclúen a construción dun muro de contención e o retranqueo dalgúns elementos (parte do tendido telefónico e eléctrico)

Freire Abeijón indica que “as obras permitirán que se lle poida dar unha continuidade nunha actuación posterior, que complete a ampliación desta estrada. A nosa idea inicial é darlle continuidade ata Argote, que é unha vía moi transitada”.